Idioma >

Xacobeo 2010

Félix Duque

Versión para impresiónSend to friendPDF version

Nacido en Madrid en 1943. É unha figura clave no panorama actual da Historia da Filosofía. Catedrático de Metafísica na Universidad de Valencia de 1982 a 1988, desde ese ano é catedrático de Historia da Filosofía Moderna da Universidad Autónoma de Madrid. Foi Gastprofessor no Hegel-Archiv der Ruhr Universität Bochum entre os anos 1983-1985 e 1987-1988 e impartiu cursos e conferencias en numerosos países. Estudoso do idealismo alemán (“Historia de la Filosofía Moderna. La Era de la Crítica”, 1998) e da hermenéutica (“El cofre de la nada”, 2006), a súa ampla curiosidade intelectual levouno tamén polos campos da arte pública (“Arte público y espacio político”, 2001), dunha arte marxinal (“La fresca ruina de la tierra”, 2002), da xeofilosofía europea (“Los buenos europeos”, 2004), da arquitectura e a tecnonatureza (“Habitar la Tierra”, 2008), e ultimamente rebusca entre as cinzas da nosa época as brasas do sagrado (“Residuos de lo sagrado: Heidegger - Levinas, Hölderlin – Celan”, 2010). Na actualidade atópase culminando unha edición crítica da Lóxica de Hegel.

Conferencia

Via Crucis - Via Stellae: Do centro da Terra ao Finis Terrae
26/10/2010 Fundación Cidade da Cultura

Ex oriente lux, pero alí a luz é só incipiente, transida como está de sombras estrañas, de demos da noite. Só ao mediodía se planta a luz, vertical, sobre a Cruz que sinala as direccións do mundo. Unha cruz sobre un promontorio oco, baixo o cal late unha caveira, esperando redención. Para chegar ao monte da Caveira cómpre saír da Cidade e cubrir o camiño de ascenso de sufrimentos puntuais, coma se en cada caída se despoxara un da tentación de pertencer á familia, á sociedade e ao estado: de pertencer a unha comunidade. Nesta vía de desapego, na que se aprende a estar só e a morrer como Deus, queda ao final a carne macerada e o espírito sufrinte, a soas sen mundo e sen sagrado. Abandono. E é que o centro marca as distancias, mais por iso non pode ser nin ocupado nin retido. Desde entón, furado o seu centro (kéntron é picada e furado) a Cidade está entregada ao conflito e a guerra. Mais outro camiño ábrese, en principio cosmoloxicamente oposto: non a terra, senón o mar transporta o corpo decapitado do Apóstolo, como lembra a cuncha da vieira; mais arriba o ceo dá a medida, sinalando o camiño polo que Europa se irá configurando, vencendo malamente a tentación de regresar ao Centro desgarrado. O camiño de Santiago é o camiño da extraversión, o camiño do recoñecemento de que só fóra de si, mais levando na alma o lembranza dunha Morte sen facerse ilusións, é posible Comunidade. A Cruz está fincada, enlaza –árbore da vida desbastada, árbore que outorga vida comunitaria a través da morte en soidade– ceo e inferno, montaña e caverna. O Camiño é en cambio movemento puro. Está feito de pegadas e de afáns: é máis, el é a traza móbil de múltiples pisadas, de sons, ademáns e acenos reciprocamente estraños, Babel inversa que se quere unitaria no nome dun futuro compartible. Xentes mancomunadas pola fe ecuménica: pois que, segundo a promesa, levar a nova ao último recanto da terra sería principio da fin. Só que o Finis Terrae, ameazado e estrañamente redimido tamén el pola Costa da Morte, non deixa de ser atalaia de novas terras. O aquí proposto sería logo exposto en miradas cruzadas de arte sagrada e de antropoloxía da imaxe, de relixión astral e de xeofilosofía, tentando así contribuír ao arduo desentrañamento da fascinación humana cos lugares: trasuntos de vida, promesa de morte, ansia de tránsito. Homo viator.

Patrocina:

  • BBVA

Colaboradores:

  • Fundación Cidade da Cultura de Galicia
  • Centro Galego de Arte Contemporánea